|
         |
Historia do Taekwondo Galego
Galicia dos anos
70, nunha época marcada polas películas de artes marciais que
comezaron a facer furor co incomparable Bruce Lee como protagonista,
convertido no ídolo da xuventude, coñecíanse únicamente dúas artes
marciais: o Kárate e o Judo (disciplina deportiva que era a única en
dispor dunha Federación e que acollía a moitas disciplinas asociadas
baixo o nome Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas).
Os mestres coreanos que chegaron a Galicia tiveron que dar a coñece-lo
Taekwondo (cun nome exótico de certo) e comezaron denominándoo
"Kárate Coreano", para diferencialo da disciplina xaponesa que xa se
coñecía aquí. Tamén se chamou "Kárate Volador" polas vistosas
técnicas de perna e os saltos.
Rápidamente foise popularizando e puido ser recoñecido polo seu nome
propio, que ainda segue a producir dificultades de pronunciación
entre os profanos: "Taekwondo".
A difusión do Taekwondo foi favorecida pola escaseza en Galicia
doutras modalidades deportivas que puideran practicarse de xeito
dirixido (cun adestrador), nun recinto pechado, con comodidades como
vestiarios e algunhas sofisticacións descoñecidas daquela como as
"saunas".
As clases impartíanse nun ambiente de disciplina férrea,
puntualidade absoluta, aseo corporal e do dóbok (sempre en perfectas
condicións), respeto á xerarquía e, principalmente, ó mestre, que
tiña autoridade absoluta dentro do ximnasio e, en moitas ocasións,
tamén fora. Todo isto aderezado cunha curiosidade reverenciosa,
gañas de aprender e ilusión, moita ilusión...
Pioneiros
O primeiro
mestre en chegar a Galicia foi Yoon Yeo Bong no 1972 (actualmente
reside no Canadá). Comezou as súas ensinanzas nun ximnasio de Vigo,
logo en Pontevedra e, finalmente en Santiago, no ximnasio Yoon, que
hoxe é coñecido como ximnasio Taepar.
No ano 1974 instalaronse en Vigo, Ourense, Pontevedra e Coruña
respectivamente os mestres Chang I Sung, Lee Dong Kyu, Suh Seung
Yeul e Uh Soo Il. Foron istes os mestres pioneiros do Taekwondo en
Galicia, ainda que durante os anos 80 proliferaron os ximnasios
dirixidos por outros mestres coreanos: Yoon Young Kap, Kim Mu Won e
Choi Yun Moom en Lugo, O mestre Mim en Monforte, O mestre Sin en
Chantada, Nam Ku Kang e o seu irmán Yun Ku Kang en Ferrol
Na Coruña, polos
ximnasios KIM e UH pasaron un grande número de mestres que logo se
estableceron noutros lugares: Lee Kyu Yun (Actualmente en
Australia), Kim Jin Hak (Reside en Valencia), Uh Soo Won (Vitoria),
Choi Kwon Sung (Estados Unidos), Park Ki Bu, Song Tae Hwan (Campeón
do Mundo e adestrador da Selección Española no principio dos anos
80, reside actualmente en Canadá). Kim Cha (reside en Ponferrada),
Kim Mam Bo (ainda reside na Coruña), Cho Sung Chang (falecido
recentemente no Prat de Llobregat), Lee Dae Song (reside en Madrid),
Kim I Kwan (sobriño do mestre UH da Coruña).
O mestre Uh Soo il, director dos ximnasios KIM e UH da Coruña,
ostentou durante varios anos o cargo de Seleccionador Nacional de
Taekwondo dirixindo na Selección Española a deportistas que hoxe
coñecemos todos: Benigno Lopez do Chang Do Kwan de Vigo, Antonio
Montes, actualmente técnico en Vilalba, M. Ángel Trabazos,
actualmente técnico en Ourense; Jesús Benito (quen acadou baixo a
súa dirección o Subcampionato do Mundo en Sttutgard).
Outros
deportistas galegos daqueles anos convertíronse despois en
excelentes técnicos que traballaron e traballan con grande ilusión e
axudaron ó asentamento e difusión do Taekwondo na nosa comunidade:
Juan Carlos Martinez en Betanzos e Malpica, Carlos Fraguela en Sada
e na Coruña, Manuel Barreto na Coruña, J. Luis Garrapucho na Coruña,
Domingo Fernández en Cee, Lorenzo Luaces en Ferrol, Francisco
Paredes en Santiago, Victor Lopez en Órdenes, Enrique Vázquez en
Ourense, Juan C. Lopez Eiriz en Carballiño, J. Manuel Soto en
Carballiño, J. Jose Diaz Mosquera, Miguel A. Torres e Miguel
Cortegoso en Pontevedra. Alfonso Guedella, Miguel Meilán, J. Luis
Alvarez, Francisco Orellana e Francisco Penín en Vigo, e tantos
outros.
Na provincia de Pontevedra estableceuse a finais dos 70 Santiago
Durán Soto, quen pode ser considerado un "visionario" e que dou un
importante empuxe ó Taekwondo cun enfoque innovador, tremendas
campañas publicitarias e contratos cos mellores competidores do
momento para formar ós seus deportistas. Da súa cadea de ximnasios
BUDO saíron grandes deportistas como Santiago Souza, Luis Mediavilla,
José Carlos Costas, Esperanza Meilán, Marinela, María, Fernando
Orellana e a práctica totalidade dos actuais adestradores de
Taekwondo de Vigo. Foi tamén o primeiro empresario de Taekwondo que
contratou a unha muller para impartir clases de Taekwondo, Keka
Verdú, nunha época en que a igualdade de oportunidades da muller no
ámbito do adestramento deportivo e máis no das artes marciais nin se
plantexaba.
Deportistas que
non poden ser esquecidos chegarían despois de mans doutros técnicos
galegos:
José Carlos Costa, campion de Europa e Santiago Souza, subcampión de
Europa, alumnos de Santiago Durán. Francisco Zas, único taekwondista
galego que participou nos Xogos Olímpicos, alumno de Manuel Barreto.
Belén Fernández, subcampiona do Mundo e campiona da Copa do Mundo,
alumna de Miguel Meilán. Marco Carreira, subcampión de Europa,
alumno de J. Luis Garrapucho; Iván Ron, bronce Mundial, alumno de
Francisco Paredes; Patricia Rodríguez Bascuas, bronce na Copa do
Mundo, alumna de José Antonio Gómez; Andrea Rica, bronce mundial e
europeo; Estefanía Hernández, campioa de Europa, etc.
Moitos outros non se atopan recollidos neste artigo por falla de
espacio material, pero están nas lembranzas de todos e irán
aparecendo a medida que recobremo-la nosa memoria xuntando os
saberes de todos nós.
Competicións
No ano 1978 a
Selección Galega alzouse co primeiro título de Campións de España en
Santander, título histórico que hoxe xa empeza a ser habitual para
os taekwondistas galegos, pero que daquela era unha xesta, habida
conta do dominio catalán e madrileño nas competicións estatais.
En 1980 celebrouse na Coruña o Campionato de España Absoluto,
primeira competición estatal organizada en Galicia.
No ámbito autonómico, no que se celebraban maratonianos campeonatos
nos que había que empezar a colocar tapices ás 7 da mañá e se
recollía moitas veces pasadas as 10 da noite, a década dos 70 foi
amplamente dominada polo Ximnasio KIM da Coruña, do que saíron
salientables deportistas que dominaron o panorama deportivo gañando
con asiduidade os Campionatos Galegos nas diferentes categorías. A
década dos 80 pertenceu por dereito ó clube BUDO, baixo a dirección
de Santiago Durán, que acadou títulos autonómicos, en ocasións, en
tódalas categorías. Posteriormente, na década dos 90, habería un
amplo dominio do clube TAO de Vigo, rivalizando co Clube da Policía
Nacional da Coruña nas categorías xuvenil e xunior, e co Kiap que
tiña un dos mellores equipos femininos.
Máis tarde
chegaría o dominio nas categorías inferiores da CPN, o club
domiciliado nas instalacións da policía nacional, da man de Carreira
e Garrapucho e psoteriormente o do Natural Sport, pioneiro na
instauración da política de fichaxes e da organización de grandes
eventos.
A Federación Galega de Taekwondo
O Taekwondo
Galego pasou moitos anos, como xa se dixo, integrado na Federación
Galega de Judo e DDAA, domiciliada na rúa Riego de Agua, na Coruña e
presidida por D. Óscar Cacheiro Rocha e da que era Secretario Xeral
D. Obdulio Salido del Real e Tesoureiro D. Enrique Cruz Martínez.
O primeiro representante do departamento de Taekwondo foi o "Sr.
Luis", D. Luis Armesto Castris, un dos primeiros galegos que
acadaron o cinto negro de Taekwondo. Posteriormente D. Manuel Campos
(o médico) axudoulle na tarefa de dirixi-lo departamento de
Taekwondo da FGJDA.
A Federación Galega de Taekwondo xestouse a partir do ano 1986, tra-la
formación dunha Comisión Xestora nacida en Vigo ó abeiro dunha
reunión dos directorres de clubes con D. Marco Saila, quen foi
durante moitos anos presidente da Federación Española de Taekwondo.
D. Juan Carlos Martínez foi o encargado de lidera-los traballos da
Comisión Xestora para a creación e rexistro na Secretaría Xeral do
Deporte da Federación Galega de Taekwondo. Corría o ano 1989 e a FGT
foi presidida por D. Juan Carlos Martínez ata o 2003 en que
finalizou os dezasete anos de presidencia continuada.
A Tesorería da Federación Galega de Taekwondo foi ostentada por Dna.
Dolores Clemente Blanco ("Doris") e, dende hai uns anos, por D. Luis
Edreira Fraga. Na Secretaría estiveron D. Javier Otero del Valle,
que proviña da Federación de Judo e D. José Manuel Fidalgo Legido,
quen se xubilou recentemente e que nos aportou durante anos a súa
experiencia federativa, pois proviña da Federación de Tenis e do
Consejo Superior de Deportes. No seu lugar quedou Juan Carlos
Caínzos, actual Secretario Xeral.
No ámbito da Administración hai que lembrar a Dna. Maricuca, Dna.
María Maceiras, Dna. Esther Souto e, D. Juan Carlos Caínzos e, na
actualidade, Rubén Taboada.
Os mellores dos mellores
Francisco Zas Couce, nado na Coruña e alumno de Manolo Barreto,
adestrador do clube Sport Center, pode ser considerado o mellor
deportista masculino na historia do Taekwondo Galego ata os nosos
días.
Ós quince anos tivo que marchar á Blume de Madrid para formar parte
da Selección Española de Taekwondo, trasladándose posteriormente ó
Centro de Alto Rendemento de San Cugat del Vallés, no que residíu
máis de dez anos.
O seu historial é realmente abraiante, destacando entre os numerosos
éxitos acadados por el ata o 2000:
- Sete Campionatos e catro Subcampionatos de España Absoutos entre
os anos 1991 e 2000
- Cinco Copas de S.M "El Rey"
- O título de Campión de Europa Absoluto (Zagreb Croacia, 1994)
- O título de Campión dos Xogos Mundiais (La Haya Holanda, 1993)
- Dúas medallas de bronce nos Campionatos do Mundo de 1993 (Nova
Iorque-EUA) e 1999 (Edmonton-Canadá)
A súa carreira deportiva tivo un brillante final coa participación
no 2000 nos Xogos Olímpicos de Sydney.
Dende 2001 ata 2002 permaneceu como Adestrador da Selección Española
de Taekwondo. Coa súa volta a Galicia a bon seguro que o Taekwondo
Galego, que perdeu un dos seus mellores deportistas coa súa
retirada, gañou un excelente técnico.
Para todos os que o acompañamos durante estes anos foi un constante
deleite pola súa mestría técnica e a paixón con que encarou tódalas
súas metas.
Belén Fernández
Valtuille, nada en Vigo e alumna de Miguel Meilán, adestrador do
clube Tao, é, sen dúbida, a mellor deportista feminina na historia
do Taekwondo Galego.
Belén acadou en 1993 o seu primeiro título de Campiona de España,
revalidando o seu título en 1994.
Despois de remata-la carreirade Ciencias do Mar que estudaba en
Vigo, aceptou a proposta de ingresar no Centro de Alto Rendemento de
San Cugat del Vallés co obxectivo de acada-lo título de Campiona do
Mundo e participar nas Olimpiadas de Athenas 2004.
A unión entre a súa calidade técnica excepcional e a súa claridade
de metas permitíulle acadar no ano 2000 o título de Campiona do
Mundo Universitaria, ó que seguirían durante o 2000 e 2001 o
Subcampionato do Mundo en Jeju (Corea) e o título de Campiona da
Copa do Mundo en Ho Chi Min (Vietnam).
Tras permanecer inactiva durante parte de 2002 e 2003 a causa de
graves lesións deportivas, véndose sen opcións de poder participar
en Athenas 2004, decidíu que chegara o momento da retirada dunha
vida deportiva plagada de éxitos.
HISTORIAL DE RESULTADOS DEPORTIVOS
CAMPIONATOS EUROPEOS
|